ESTAMOS DE FESTA!! O Samaín e o magosto en Galicia

Estamos de festa!!!!
Si… parece mentira per despois deste pandémico verán chegou o pandémico outono. Non sei se será mellor ou peor que o anterior, pero seguro que será diferente. Á fala Lolo, que xa vai tempo que non escribimos polo blogue.

Vivimos nunha época de permanentes cambios, con todo algunhas cousas permanecen inalterables…

Parece que vai vir un bo ano!!- dime Xaime – pero Tato, coa mirada, dame a entender que el non é tan optimista. O que saben os dous con certeza é, que máis ou menos, mellor ou peor haberá castañas.
Si, castañas. Como houbo o ano pasado, e o anterior, como había cando eran nenos, cando os avós dos seus avós eran nenos, como cando os castrexos percorrían estes soutos.
Máis ou menos por esta época, tódolos anos, os castiñeiros dan os seus froitos. A tan venerada castaña, naqueles tempos nos que non chegara o millo e a pataca, a chamaban o “pan dos pobres”.
E se hai castañas, hai MAGOSTO.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega o Magosto “é unha comida que consiste fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas de viño” ou “acción de asar as castañas, que en moitas ocasións se converte nun acontecemento festivo”

Doado verdade? Así que aínda que non poidamos gozar dunha festa multitudinaria, podemos facer un magosto na casa. Pero non vos esquezades de darlle un toque de tradición galega. Cada vez que comades unha castaña, librades unha alma do purgatorio e o invitades a que se una á festa. Así que nestes tempos de pandemia, podes montar un magosto con centos de almas, pero sen superar as 5 persoas. Con tanta responsabilidade afrontamos os galegos esta festa.
Tamén debemos deixar algunhas castañas espalladas polo chan, son as castañas destinadas a “a parroquia dos mortos” para que veñan máis espíritos a celebración… xa vos digo, un festón!!!
Debemos chisnar a cara do veciño para que teña boa sorte, tentando evitar o contacto coas paredes da casa, se non queres limpar o resto da noite.
Non só de castañas esta feito o outono. Hai moitas cousas nutritivas que permanecen inalterables a pesares da pandemia, tamén están as cabazas, as chulas, os cogomelos, o viño novo, o mosto, as noces, o augardente, o millo, a sidra, o día de San Martiño e… O SAMAÍN.

Cando podiamos xuntarnos a celebrar o Samaín

En gaélico, Samhain din que significa «fin do Verán». Os Castrexos para esta celebración supoño que tamén comerían castañas coma nos, podería entón considerarse coma un magosto….
Nesa noite puñan luces acesas nas caveiras dos inimigose as colocaban nas encrucilladas e nas murallas arredor dos castros. Agora tallamos as caveiras nas cabazas, que é politicamente máis correcto. Neste caso podedes deixalas polas esquinas da casa para afastar os inimigos e tamén librarse da influencia maléfica dos espíritos que esa noite andan ceibes pola terra. O Samaín é unha desas noites, nas que contan, que é máis doado transitar entre dous mundos: o dos vivos e o dos mortos.

Celebrando o roteiro do Samaín en Salvaterra

Tamén conta a tradición que os druídas no Samaín visitaban casa por casa pedindo comida para honrar os seus deuses; Algunhas persoas cubríanse con peles de animais, máscaras, etc. Ou sexa que se disfrazaban para despistar os espíritos e os pantasmas; os guerreiros contaban as arrepiantes historias das batallas contra os inimigos. Estas costumes de disfrazarse, contar historias de medo e visitar as casas aínda se manteñen na actualidade (esta ultima non é moi recomendable nesta época…)

En Galicia, esta noite, tamén era habitual que a mesa no se recollera despois de cear, por se as ánimas dos finados acudían a visitarnos durante a noite e lles picara a fame… ou pode que aproveitando a festa, deixamos a mesa sen recoller. Ademais, deixábase a lareira acesa para que non pasaran frío, igualiño que na Noiteboa.

Non é unha cuestión de moda, é cultura. En Galicia, ESTAMOS DE FESTA, como fai milleiros de anos pola mesma época, imos celebrar a vida!! Celebramos cos produtos que nos da o noso campo, deste xeito nos sentimos máis unidos á terra que nos viu nacer.
Temos a obriga de seguir alimentando estas tradicións, para que non desapareza na memoria colectiva dos nosos fillos, son a nosa identidade como pobo.
O Magosto é unha celebración para divertirse, festa de vida e morte, de comer e beber, de xuventude e de asustar os miñaxoias.
Eu xa estou amosegando as castañas para o meu Magosto…

E se queredes comezar con algo máis sinxelo, para contarlle os cativos…Como non: “A casa do Rato Renato”, todas as tradicións do Outono condensadas en poucas páxinas coas marabillosas ilustracións de Fran Ameixeiras. A maiores da historia, que é moi divertida, te invito a descubrir ou redescubrir as ilustracións… amosan o outono en todo o seu esplendor cheas de pequenos detalles que te lembran o acontece no campo galego nesta época do ano.

Posted in Interesa saber....